Custodiados por vinte naves de liña ao mando do vicealmirante François Louis de Rousselet, marqués de Châteu-Renault, os galeóns españois transportan o maior tesouro que xamais se confiou ao azar das ondas, segundo asegura o duque de Medinaceli, embaixador español en Versalles. O seu valor supera os cincuenta mil millóns de euros ao cambio actual, e unha quinta parte corresponde a Felipe V de Borbón, coroado monarca en xaneiro de 1701, aos dezasete anos de idade. Neto do Rei Sol, Luís XIV de Francia, o católico Borbón necesita con urxencia a prata americana na guerra declarada por unha liga de países protestantes unidos na Santa Alianza: Inglaterra, o Sacro Imperio Romano Xermánico e as provincias dos Países Baixos. No entanto, a burocracia do Consello de Indias impide a descarga das mercadorías, alegando que Sevilla ostenta o monopolio do comercio marítimo.
O almirante sevillano Manuel de Velasco, xefe da frota de Indias, estará presionado polos herexes, polas súas propias tropas e tamén polo astuto Gaspar Antonio de Zúñiga, capitán xeral de Galicia no castelo de Baiona. Daquela, o almirante Velasco solicitará a axuda de Xosé Sarmiento, conde de Moctezuma e XXXII vicerrei de Nova España en Veracruz, quen regresa coa frota xunto á súa familia á súa vila natal, Redondela, no galeón Santo Cristo de Maracaibo. Mais Sarmiento ten un segredo porque é o Gran Mestre dunha escura confraría de criminais, a de San Apolonio de Triana, un feixe de facinorosos coñecido ás agachadas como a Garduña.
Do Peirao é unha editora con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indudable calidade, con novas e frescas ideas como é a de empregar unha campaña prevenda para promocionar cada título cando esta aínda se atopa en proceso de edición.
Deste xeito es ti, agora que pensa como colabora, o que decide se a obra que che presentamos verá a luz pasando a formar parte do noso catálogo... porque consideramos ao lector parte fundamental do proceso.
Hoxe presentámosvos a A. Hevia.
Licenciado e Máster en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Alberto Hevia (Mieres, Asturias) gañou en 1987 a beca da Escola de Xornalismo de ABC, onde ten traballado en diferentes seccións do diario. Colaborador habitual en varias publicacións de Galicia e Asturias, foi premiado por relatos en galego, idioma no que escribiu numerosos poemas, contos e novelas curtas, ademais do libro Airiños de Rianxo —xunto con Xesús Santos e Xosé Comoxo—, sobre o 75º aniversario do grupo de teatro afeccionado máis antigo de Galicia, fundado en 1933.
En castelán, Hevia recibiu o primeiro premio do certame de cartas organizado pola biblioteca María Zambrano de Madrid, e gañou tamén no 2020 o IV concurso de novela da Editorial Mablaz polo libro Falsa Identidade, que sairá publicado o vindeiro mes de febreiro.
«O tesouro de Rande narra as aventuras e desventuras da frota de Indias dende a súa chegada a Vigo en setembro de 1702, obrigada polo bloqueo de Cádiz imposto polo inglés sir George Rooke, ata a batalla que ten lugar na enseada de San Simón pouco despois, o luns 23 de outubro dese mesmo ano, fronte a unha escuadra angloholandesa».
E por aquí unha mostra do que atoparedes nas súas páxinas:
«Alleos ao risco que planeaba sobre unha frota tan valiosa, os tribunais de Madrid e Sevilla deliberaron en longas e bizantinas rifas. Houbo que esperar a que, desde Valladolid, se desprazase un representante do Consello de Indias, Xoán de La Rea, auspiciado pola Coroa de Castela. Sen présas, en curtas etapas, o escribán paseou nunha cadeira de postas desde os poeirentos camiños de Estremadura ata os húmidos prados de Galicia.
O venres 13 de outubro, La Rea acadou Redondela e organizou sen tardanza a taxación dos galeóns. O representante do Consello, un esguízaro de fráxil aparencia, posuía en cambio unha vibrante voz de tenor que lle proporcionaba certa persuasión.
—Se fóra tan amable, necesito que me proporcionen unha mesa, unha cadeira e un teito para a choiva —dixo o escribán, amodo e firme, mostrando maior autoridade que con berros ou ameazas—. Unha tenda de lona sería axeitada.
La Rea non tiña unha fala máis alta cá outra e era calado e metódico no seu labor, mais a súa feble fasquía non enganaba ao almirante, consciente de que as avaliacións do escribán antepoñíanse ás súas. Pese a iso, La Rea non lle puxo en xaque nin se atribuíu outras competencias que as outorgadas pola lei.
O inspector instalou a súa tenda de campaña no areal de Cesantes e procedeu ao baleirado dos galeóns. Ao saír o sol, La Rea almorzaba unha sopa con leite e azucre e revisaba os carros para que non se embrollasen no reducido espazo na praia. Rematado o almorzo, instalábase ante a súa mesa para cotexar as mercadorías alixadas co listado consignado en Veracruz. Ao mediodía, xantaba coas tropas, botaba unha sesta de vinte minutos e continuaba o seu labor ata ben entrada a noite».
Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e pode que non te atopes en disposición de apoiarnos co teu mecenazgo nestes momentos... pero agardamos que se esto te chegou ao alma, incluso se tal vez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella... ) para que academos a nosa meta e A. Hevia vexa publicada a sua obra.