Estes oito relatos de Solpor en Figueiras queren ser unha proposta no senso de contar canto de ordinario e extraordinario sucede ao redor dun lugar onde decorre a narración como á busca de respostas. Oito historias para un exercicio de imaxinación literaria, homenaxe ás xentes que xeran alento poético sen renunciar á consciencia do lector. Son acontecementos do común con protagonistas de diversas clases sociais, condicións, sexo e idades diferentes, onde a paisaxe impón un cambio de actitude na traxectoria vital da comunidade. Predios misteriosos, mortes inhóspitas, mulleres e homes ao límite, noite, chuvia, relento, nun libro que persegue a visión fantástica dunha bisbarra de Galiza.
Do Peirao é unha editora con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indudable calidade, con novas e frescas ideas como é a de empregar unha campaña prevenda para promocionar cada título cando esta aínda se atopa en proceso de edición.
Deste xeito es ti, agora que pensa como colabora, o que decide se a obra que che presentamos verá a luz pasando a formar parte do noso catálogo... porque consideramos ao lector parte fundamental do proceso.
Hoxe presentámosvos a Guillerme Coen.
Nado en Bos Aires no ano 1957, chegou a Compostela once anos despois e foi á escola como outros rapaces do barrio da Choupana para exercer de picheleiro. Administrativo de profesión gusta do cine, da natureza e da literatura. Atopa nos libros un recuncho da súa personalidade, de prexubilado amante da lectura, que pretende confirmar con estes relatos de Solpor en Figueiras.
Anteriormente publicou outro libro de relatos, A calor dun niño, e a novela Brais, que supuxo a súa persoal confirmación como escritor en lingua galega.
«Imaxina que no teu barrio ou na túa aldea comezan a ocorrer acontecementos desconcertantes, dramáticos e conmovedores nos que ti dalgún xeito te vés envolto… Pero canto de realidade hai en cada un deles? Oito relatos cheos de intriga e enigmáticos personaxes que non te deixarán indiferente, espertarán a túa ansiedade e obrigarán ata o final.
Solpor en Figueiras está recomendado para aqueles lectores que queiran deixar voar a súa imaxinación e sentirse parte dunha historia».
E por aquí unha mostra do que atoparedes nas súas páxinas:
«Esa tarde de verán saía da casa sen alentar de grandes novidades no eido de camiñar polas proximidades. Calcaba as botas de coiro contra os penedos e collía cara á faldra do monte, preto da pista onde remata Presendo, xa ás portas da fraguiza. Alí comezan as corredoiras de laxes sobrepostas, delimitadas por unha caterva de grandes rochas naturais a non máis dun quilómetro da igrexa de Santa Cateliña, nos límites de Figueiras, onde un penacho de vinte metros, a Rocha Morna, sinala o antigo Camiño de Santiago cara a Fisterra, «seica o derradeiro» din. Hai anos tiña debuxada unha frecha amarela no vértice de baixo mais co tempo borrouse. De cando en vez, teñen aparecido peregrinos entre os claros do vedramio para continuaren senda pola beira da estrada comarcal ou para preguntaren por algún enderezo onde xantar quente. Tamén me teño encontrado con cazadores do lugar, veciños ou coñecidos de vista, que levaban as escopetas en bandoleira. Viñan en silencio a meirande parte deles. Outros, dun xeito diferente, armaban tremendos batifondos nunha especie de algarabía xocosa con cantos e risas, máis ben para pasaren un tempo de lecer entre amigos que para cazaren algún coello.
Eu fago os mesmos percorridos de sempre porque non coñezo a zona e adoito extraviarme. Gusto dos montes de carballos en troques dos eucaliptos e sitios de rochas onde a terra semella erma. Escapo deles á mínima oportunidade. Outras veces, tropezo cos veciños ao faceren un traxecto parello co meu, aparto a Tobi para que non trabe a ninguén e póñome falar se é xente do meu aquel segundo enredo a conversa. Atusmo con deleite nesas ocasións imprevisíbeis, sen présas, ben metidas na fala e paseando co latricar doutras persoas paseniño. Moitas delas, saúdan cun sinxelo “boa tarde” ou “bo camiño” mais soa coa cortesía dun compañeiro, como un futuro amigo pendente de coñecer.
Mais aquel día sería diferente…»
Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e pode que non te atopes en disposición de apoiarnos co teu mecenazgo nestes momentos... pero agardamos que se esto te chegou ao alma, incluso se tal vez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella... ) para que academos a nosa meta e Guillerme Coen vexa publicada a sua obra.